Membros do comité de empresa de Segur Ibérica e responsables de CC.OO., USO e CIG empezaron un peche na delegación da empresa, en Oleiros.
Segundo o presidente do comité, Juan Meizoso, o peche prolongarase "o tempo que faga falta", ata que reciban información concreta sobre as intencións do grupo --que anunciou hai días que acometería un ERE-- e ata que paguen aos 50 compañeiros aos que, aseguran, non se lles ingresou a nómina do último mes.
En total, son 10 persoas as que compoñen o comité e están reunidas co delegado territorial de Segur Ibérica. Anuncian que quedarán nestas instalacións "de forma indefinida".
"Din que non hai diñeiro, pero haino", criticou Meizoso, quen tamén se refire a que se especula con que o grupo vaia a concurso de acredores.
"MUTISMO"
Previo ao peche, os traballadores de Segur Ibérica concentráranse ante a sede da empresa en Oleiros, onde denunciaron a falta de pagamento de salarios a máis de 50 empregados e o "mutismo" da dirección tras o anuncio de que acometerá un expediente de regulación de emprego (ERE).
O presidente do comité de empresa, Juan Meizoso (do sindicato USO), criticou que a compañía "non di nada" e o temor entre o persoal é que a falta de pagamentos vaian a peor.
Ata o 25 deste mes non se constituirá a mesa de negociación do ERE, momento no que Meizoso espera que os representantes dos traballadores reciban datos que acheguen certidumbre sobre o seu futuro.
Segundo apuntou, o que transcendeu ao persoal é que o grupo está "á espera dun investidor", ante unha situación económica delicada.
Demandan información e vías de solución por parte da empresa, e entenden que o nivel de actividade en Galicia non xustifica que haxa que realizar un axuste.