O BNG inicia na área de Vigo a súa "ofensiva" para reclamar a transferencia da autoestrada AP-9 e a liberación das peaxes "abusivas", cunha campaña social e institucional nos municipios da comarca, que concluirá cun acto a nivel galego, cuxos detalles aínda non se deron a coñecer.


Nunha rolda de prensa, o responsable comarcal da formación nacionalista, Manuel Caride, explicou que a campaña contemplará a repartición de folletos, a colocación de pancartas e un acto informativo aberto o 22 de novembro na sede do BNG en Vigo.


O responsable de Acción Institucional da comarca, Xavier Rodríguez, sinalou que, nos municipios da comarca, o BNG presentará unha moción na que se insta ao Goberno central a retirar os obstáculos para tramitar a proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Así mesmo, reclámase que os grupos políticos do Congreso que axilicen esa tramitación.


Por outra banda, os grupos municipais nacionalistas pedirán tamén que se rexeite o "rescate multimillonario" das autoestradas con fondos públicos. De feito, o deputado Luís Bará, cualificou de "excesiva" a estimación de 3.200 millóns de euros como custo do rescate da autoestrada.


Bará criticou que a AP-9 é un exemplo de "espolio de recursos", porque se trata dun viario "xa máis que amortizado", con "peaxes abusivas" e que supón un "agravio", porque o Goberno si empezou os trámites para rescatar as autoestradas radiais de Madrid.

POWERED BY BIGPRESS