Cinco persoas dunha mesma familia, tres adultos e dous menores, foron trasladados esta noite polos servizos sanitarios a un centro hospitalario tras inhalar monóxido de carbono debido ao mal funcionamento dunha caldeira, segundo as primeiras investigacións.
Segundo informou o CAE 112 Galicia, o suceso ocorreu sobre as 1,00 horas da madrugada, cando o servizo de Urxencias Médicas alertou de que había persoas afectadas por monóxido de carbono nunha vivenda situada na rúa Polideportivo, en Lalín.
Tras iso, o CAE 112 avisou aos aos Bombeiros do Deza e solicitou a colaboración dos efectivos da Policía Local e dos efectivos do GES e de Protección Civil de Lalín.
Os Bombeiros, nada máis chegar ao domicilio, fixeron as correspondentes medicións e confirmaron que o mal funcionamento da caldeira puido ser a causa que orixinou o malestar dos afectados.
ATROPELO EN VIGO
Unha moza de 21 anos de idade resultou ferida grave tras ser atropelada por un mozo de 22 de anos, que viaxaba nun ciclomotor xunto con outra persoa, na parroquia viguesa de Teis.
Segundo informaron fontes da Policía Local, o accidente tivo lugar sobre as 19,00 horas do luns, á altura do número 75 da rúa Coutadas, en Teis. O motorista atropelou á moza fose do paso de peóns, que quedou ferida grave, mentres que o condutor do ciclomotor e o seu acompañante resultaron feridos leves.
Os axentes que acudiron ao lugar do sinistro sospeitaron que o condutor da moto podería estar baixo os efectos de sustancias estupefacientes, polo que se lle realizou o test de drogas. A proba deu resultado positivo en THC (tetrahidrocannabinol).