A Federación Galega de Asociacións de Diabéticos pediu ás administracións públicas que proporcionen o persoal sanitario para unha atención de calidade así como que na compra de material non prevaleza a economía sobre a calidade.
Así o demandou a organización nun comunicado remitido aos medios con motivo da celebración o luns, día 14 de novembro, do Día Mundial da Diabetes, efeméride pola que demandou tamén programas de educación diabetolóxica tanto para persoas que padecen a enfermidade como para o persoal sanitario.
Ademais, o organismo tamén reclamou que se fomente o investimento na investigación, unha maior colaboración e apoio dos organismos públicos, así como que se teña en conta á Federación Galega de Asociacións de Diabéticos en calquera evento ou toma de decisión que afecte de forma directa ao colectivo.