A Valedora do Pobo, Milagros Otero, suxeriu este domingo a posibilidade de impoñer multas aos menores que participen en botellóns e ás súas familias.
Nunha entrevista en Radio Galega, a Valedora do Pobo instou aos concellos a que se impliquen máis activamente no control dos botellóns.
Neste sentido, afirmou que, "do mesmo xeito que cando un menor se lle ocorre coller un coche a Policía o para e o multa", neste caso tamén os terá que multar: "Ás veces, cando a convicción non é suficiente, hai que pasar ao outro", opinou.
Así mesmo, Milagros Otero tamén demandou unha maior vixilancia da venda de alcol e que se persiga que un maior compre a bebida e lla pase ao menor: "Ten responsabilidade que mesmo pode ser penal", aseverou.
O PSdeG RECLAMA PREVENCIÓN
O Grupo Parlamentario Socialista presentou unha interpelación á Mesa do Parlamento sobre o consumo de alcol en menores de idade. De feito, este domingo, a través dun comunicado, o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou "os recursos necesarios" para o desenvolvemento de accións educativas e de vixilancia para as intervencións regulamentarias previstas.
O deputado socialista presentou unha serie de iniciativas nas que pide un maior desenvolvemento da Lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e instou ao Goberno a "afastarse da criminalización dunha xeración e falar con claridade dos problemas".
Aínda que Torrado recoñeceu que "o fenómeno do consumo por menores non é novo" reclama unha valoración da Xunta sobre os "preocupantes" casos coñecidos recentemente e pídelles contas sobre as accións educativas que se están levando a cabo.
MENOS CASOS GRAVES
Segundo informaron os socialistas na interpelación, houbo 400 casos graves de consumo de alcol en menores ao longo de 2016, a metade dos 800 rexistrados o ano anterior á lei de 2010 --segundo datos do servizo de emerxencias galego--. Para os socialistas a cifra segue sendo un número "moi relevante".
Así mesmo, o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista tamén reclamou un balance obxectivo para poder traballar nas medidas que resultasen eficaces e reformular as que non, e que "se afasten da criminalización dunha xeración e se comece a falar con claridade dos problemas".