Un home de 68 anos de idade, que responde á identidade F.V.F, e unha muller de 67, con iniciais C.C.P, atópanse en estado grave na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo de Vigo tras ser trasladados desde o Hospital do Salnés despois de precipitarse co seu coche ao mar no porto de Cambados.
Así o relataron fontes do Hospital do Salnés, onde foron evacuados cun cadro severo de case afogamento. Posteriormente, ambos foron trasladados ao Hospital Montecelo, onde se atopan na UCI con ventilación mecánica.
Ambos padecen contusións e traumatismos diversos debido ao impacto ao caer co seu coche á auga. En concreto, o suceso ocorreu na mañá deste venres e as vítimas foron rescatadas por tres persoas particulares que paseaban polo lugar e se lanzaron á auga, segundo relataron fontes de Protección Civil.
Tras ser sacadas da auga, foron trasladados ata ao Hospital do Salnés en dúas ambulancias asistenciais que se desprazaron ata o lugar do sinistro. Ata alí, tamén se desprazou un médico de Atención Primaria de Cambados, así como membros de Protección Civil e dos Bombeiros da localidade.
VERTEDURA
A caída do vehículo á auga provocou unha vertedura, polo que os servizos de emerxencia instalaron barreiras de contención para evitar que se expanda. Así mesmo, botaron desengrasante co obxectivo de eliminar o aceite e o gasoil derramados polo coche.
Pero ademais, un membro dos Bombeiros mergullouse na auga co obxectivo de asegurarse de que non había máis persoas no interior do vehículo mergullado do cal deu fé tras saír da auga.
Está previsto que nas próximas horas un guindastre proceda a retirar o coche da auga.