Alberto Núñez Feijoo presidirá Galicia no próximos catro anos, un feito relevante, non só para a política galega, senón tamén para a de todo o Estado. Precisamente hoxe en Madrid escríbese bastante co papel que Rajoy reserva ao seu amigo Feijoo na reunión de presidentes autonómicos na que España se xoga, non só gran parte da súa estabilidade económica, senón tamén a constitucional, tan cuestionada desde Catalunya e desde Euskadi. 


Para os rotativos de Madrid, o Presidente da Xunta terá pronto un papel determinante na procura de consensos interrexionais, nos que os diñeiros das autonomías terán que repartirse con enorme delicadeza e os conceptos de nación ou lingua, poden xogar en contra dun pacto autonómico con futuro, non só porque Galicia, Catalunya ou Euskadi discrepen cos demais, senón, sobre todo, porque unha sensibilidade patriótica a flor de pel mantén belixerantes e en estado de alerta, a moitos políticos con despacho en Madrid, que teñen un concepto de Estado bastante trasnoitado e por todo iso, bastante inútil.


Recordo que cando Manuel Fraga volveu a Galicia, e como Trump, gañou por maioría absoluta as eleccións autonómicas contra todos os prognósticos e todos os partidos e medios de comunicación, este xornalista facía as maletas para saír, unha vez mais, da súa Galicia natal para volver a Catalunya e reiniciar novos retos profesionais. Naquela ocasión extraordinaria, un colega de Madrid chamoume para preguntarme que significaba esa vitoria política, que pillara, como o de Norteamérica, a todo o mundo co paso cambiado. Recordo, coma se fose hoxe, que a miña resposta foi moi contundente e simple: "Significa, amigo meu, que de súpeto, Galicia, a nivel de interlocución política, colocouse á mesma altura que Catalunya e Euskadi, porque o carisma como "home de Estado" que pode ter Pujol acábao de recuperar de golpe a miña terra con Fraga". O meu interlocutor, un colega moi coñecido, gardou uns segundos de silencio, pensando que quen llo dicía nunca se manifestou fraguista senón, mais ben todo o contrario, esbozou un sorriso e soltoume: es un fodido galego, pero tes razón.


Hoxe , salvando as diferenzas xeracionais e orixes políticas de ambos os Presidentes, volvo dicir o mesmo. O Presidente Feijoo gañou por votos ese papel de home de Estado que tivo o seu histórico antecesor, e debe desempeñalo sen complexos e coa autoridade moral de que, pola súa propia vontade quedouse na súa terra, porque, de non querer facelo, o seu partido e o seu Presidente nacional se verían, agora mesmo, en serias dificultades para volver gobernar o país e iso, poucos presidentes de autonomía poden dicilo. Ademais, co engadido relevante, de que sobre ese tema gardou un moi edificante silencio. Vamos, que non presumiu da súa fazaña electoral. Así pois, benvida sexa esta nova etapa na súa vida política e que oxalá sirva para darlle un toque galego á gobernanza nacional, que estou seguro, será moi diferente ao de Mariano Rajoy, porque ambos tamén son moi distintos aínda que militen no mesmo partido, e que ese "traballo de moderador" axude sobre todo a Galicia a saír da crise definitivamente, cunha lexislatura de prosperidade e sobre todo de empregos, moitos empregos. E se se acaba o AVE, mellor que mellor.


Desde este diario axudarémoslle cada día, criticando as malas decisións do seu Goberno e defendendo todas aquelas cousas que beneficien á sociedade galega pola que apostamos ao crear en Press Dixital Group, este diario cativo de nome Galicia Press. Empeza a andar o último coa vocación de pelexar cos primeiros en fraternal competencia. Parabén Presidente e que o seu traballo á fronte da Xunta sexa todo un éxito para Galicia.

POWERED BY BIGPRESS