O alcalde da Coruña insistiu na negativa a que os edís socialistas entren nun goberno de coalición. "O exemplo témolo en Ferrol. Ou hai unha variña máxica para que alguén pense que cando un entra no goberno todo son flores e bolboretas?", cuestionou. Así, recoñeceu non ter "garantías" de que puidese funcionar a proposta do PSOE coruñés e afirmou que "experiencias de gobernos de coalición que son un guirigai temos bastantes".


Nunha entrevista na Radio Galega, Xulio Ferreiro recoñeceu que "houbo momentos onde deberiamos ter falado máis cos outros grupos", pero o "punto de inflexión" para as malas relacións cos socialistas foron os orzamentos do 2016 (aprobados en xuño), nos que o PSOE chegou a acordos co PP antes que coa Marea Atlántica. "Iso doeume moito e provocou un punto de fricción importante", dixo o alcalde.


Ferreiro ve como "sorprendente" que, meses despois, chegase esa proposta, á que o alcalde asegura que "non se dixo que non, senón que había que crear relacións de confianza: deámonos un tempo, imos traballar xuntos, demostrarlle á xente que podemos traballar xuntos", reclamou. Xustifica que sen ese clima non serán quen de convencer aos inscritos na Marea Atlántica, entre os que deben convocar un referendo.

POWERED BY BIGPRESS