Acaba de ganar Donald Trump e moitos colegas do xornalismo, mesmo paisanos seus, leváronse as mans á cabeza. Inmediatamente o máis florido da ultradereita europea apresurouse a felicitalo, coma se o éxito fose seu e o novo César saíse do seu propio círculo demoníaco para impoñer en occidente unha orde baseada na intolerancia, o machismo, a xenofobia e ata a homofobia máis estrita. Norteamérica votou e a moitos "non nos gustou" o resultado destas eleccións.


Porén, a vida continúa. Volveu a saír o sol e os que non coincidimos coas ideas que nos vendeu o novo Presidente dos EEUU durante esta dura campaña electoral, temos por diante a mesma encomenda que nos deixaron escrita nos libros de historia os nosos bisavós cando a nova orde mundial que debía durar mil anos accedeu ao poder, tamén, curiosamente, por vías democráticas. Aquí e agora, do que se trata, é de que o gañador non poida, nin sequera , tentar impoñer fóra do seu país ningunha das ideas e promesas que defendeu publicamente durante a súa peregrinaxe cara á Casa Branca.


As eleccións celebráronse en Estados Unidos, e os que, por tanto, teñen que aguantar a Trump no seu día a día, son os propios norteamericanos, que son os que o elixiron. A partir de aí, os demais, debémonos aos nosos propios intereses aínda que a globalidade da economía e a política entre estados se nos veña enriba coma unha pesada lapa. Desanimarse é cousa de preguiceiros; loitar é de seres humanos libres e intelixentes.


Vexo a Trump saír en televisión coa súa gravata vermella e a súa última familia acompañándoo como o inmortal cadro de Goya. Nótaselle xa un novo ademán institucional que pretende desdebuxar esa imaxe tola que tivemos que soportar nas últimas semanas. O poder comeza xa a facer os seus efectos na personaxe, coma se quixese facer boa aquela máxima de que cando un político alcanza os seus obxectivos, esquécese inmediatamente dos seus votantes e o seu programa non é máis ca o libro gordo de Petete, que se coloca nalgún oco do andel do salón deacasa, á beira mesmo da guía telefónica.


Agora só nos falta saber a causa que fixo posible que os políticos profesionais de Estados Unidos levasen aos seus concidadáns a esta especie de suicidio colectivo, xa que chamar idiotas a cincuenta millóns de electores non coa. Un primeiro apuntamento moi elemental dinos que esto que pasou débese a que a xente se fartou do sistema e, sobre todo, de quen o manexa impunemente. Por iso se buscou unha saída de emerxencia, moi similar á que os alemáns atoparon en 1933. E aínda que eran outros tempos, con todo, os actuais déixannos na cabeza unha pregunta inquietante. Por que a figura de Trump nos asusta tanto antes de xurar o seu cargo?


Xa temos César e, polo que sabemos ata agora, parécese máis a Calígula que a Trajano.

POWERED BY BIGPRESS