A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este martes o documento inicial de orzamentos para 2017, que ascenden a 233 millóns de euros, un 5,15 por cento máis que o do actual exercicio, e que contempla 16 millóns para investimentos.


Segundo avanzou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, trátase dunhas contas "para crecer", froito dunha "facenda local saneada e sólida", e nas que non se soben impostos e mantense a "débeda cero".


Entre as grandes partidas, está a destinada a política social (14,2 millóns de euros), que inclúe 4,5 millóns para o servizo de axuda no fogar, 2,5 millóns para o 'cheque social' ou 1,8 millóns para bolsas de libros e comedor. Así mesmo, a partida de educación (13,7 millóns) contempla actuacións en centros escolares, bolsas de inglés ou a dotación para a UNED.


Mentres que a partida de emprego mantense sen cambios significativos, nuns 5 millóns de euros, increméntanse outras como a de deportes (12,6 millóns de euros), ou a de cultura (11,4 millóns de euros), que inclúe recursos para as bibliotecas da cidade, programas de actividades ou o programa de murais nas medianeiras.


A elas súmanse dotacións económicas importantes para a prestación de servizos como o tráfico e a seguridade (16,3 millóns), limpeza viaria (18,8 millóns de euros, iluminación (6,9 millóns) e a recollida de lixo (23 millóns de euros).


INVESTIMENTOS


Ao capítulo de investimentos o goberno pretende destinar o 7 por cento do orzamento, é dicir, uns 16 millóns de euros, o que supón un 60 por cento máis que en 2016. A esta cantidade hai que sumar, precisou o alcalde, os investimentos que se farán con cargo ao superávit e aos convenios asinados coa Deputación de Pontevedra.


Os investimentos irán parar, principalmente, a 'humanización' de rúas, parques infantís, a reforma de Balaídos, instalacións deportivas (entre elas, o novo pavillón das Travesas), ou melloras en infraestruturas das parroquias.


Abel Caballero subliñou que se trata do "orzamento máis importante que aprobou nunca a cidade", e que é "froito da boa xestión e as boas finanzas, de ter unha política sensata", e todo iso "coa presión fiscal máis baixa que ningún concello de Galicia".


O rexedor proclamou que está "aberto a suxestións" por parte da oposición, aínda que precisou que aceptará achegas "en favor da cidade, non da Xunta". "Para aforrarlle diñeiro á Xunta, que é o que lle gusta ao PP, que non conten comigo", puntualizou.


O documento de orzamentos será aprobado inicialmente (grazas á maioría absoluta do goberno local socialista) nun pleno extraordinario proximamente. A partir de aí, abrirase o pazo de exposición pública e presentación de alegacións; unha vez resoltas esas alegacións, celebrarase o pleno no que se aprobarán as contas definitivamente, e iso será "antes de final de ano".

POWERED BY BIGPRESS