A Real Academia Galega (RAG) acolleu este martes a presentación do terceiro volume de 'Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936', editado por Xerais.
O acto contou coa presenza do presidente da institución académica, Xesús Alonso Montero; xunto ao autor, Xosé Ramón Pena, e o director de Xerais, Manuel Bragado.
Neste novo volume, abórdase a etapa comprendida desde a fundación das Irmandades da Fala ata o inicio da guerra civil española.
Así, a difusión xornalística e editorial de Leandro Carré e Ánxel Casal, o Seminario de Estudos Galegos, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro ou a Xeración Nós están incluídos neste volume.
"ANOS DE PRATA" DA LITERATURA
No acto, o autor denominou como "os anos de prata" esta etapa da literatura galega. Así, definiuse como "optimista histórico" e, por iso, dixo que, ao seu xuízo, "a idade de ouro da literatura galega aínda está por vir ou igual estamos a vivila agora".
Pola súa banda, o presidente da RAG definiu a publicación como "a enciclopedia literaria de Galicia". Tamén encomiou o traballo realizado polo autor tanto pola cantidade de material que figura na obra como a contextualización de cada momento histórico.