Julen Lopetegui anunciou esta mañá a convocatoria do equipo nacional para os próximos partidos fronte a Macedonia e Inglaterra. É a terceira lista do seleccionador desde que chegou ao cargo, con ausencias notables coma a de Iago Aspas, que a pesar do seu estado de forma e de marcar 5 goles nos últimos 3 partidos e encabezar a lista de goleadores españois na Liga, non entra nos 25.

O moañés, que estaba nas quinielas, porén, non ten imposible o seu desembarco na selección absoluta, pois o propio Lopetegui afirmou que "non pechamos a porta a ninguén. Decidimos en función do que vemos".

Deste xeito, o único galego convocado é o madridista Lucas Vázquez, que vai camiño de se converter nun fixo co combinado nacional.

Como novidades destacan a volta de Aduriz e Juan Mata e a estrea do sevillista Sergio Escudero, xunto coa chamada de Azpilicueta, Bartra ou Sergio Asenjo. Entre as baixas sonadas, as dos lesionados Iniesta, Piqué, Jordi Alba e Sergio Ramos.




O encontro fronte a Macedonia do venres 12 contará para a clasificación do Mundial de Rusia 2018, mentres o partido de Wembley contra Inglaterra é amigable.

POWERED BY BIGPRESS