A conselleira, Ángeles Vázquez, xa enviou no seu día unha carta de apoio á candidatura deste concello para o nomeamento que outorga a Rede Europea de Cidades do Viño (Recevin), e que este ano recaerá nunha localidade española.
Ángeles Vázquez considerou que lograr este recoñecemento supoñería un "importante impulso" á Denominación de Orixe Rías Baixas e contribuiría á promoción do enoturismo na Mancomunidade do Salnés e en todo o ámbito territorial das Rías Baixas.
Por outra banda, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, recibiu ao concelleiro de Obras de Cambados, Xosé Ramón Abal, que explicou á responsable autonómica en que consiste a súa proposta.
A candidatura, que inclúe ata 80 actividades, non inclúe só referencias á enoloxía en si, senón tamén ao enoturismo do Salnés e mesmo accións internacionais a través dun intercambio con Irlanda.
A candidatura de Cambados ten posibilidades de ser a seleccionada, xa que fai tres anos quedaba en segunda posición e é a única das localidades con experiencia.
En concreto, Cambados compite con Aranda de Douro, Villafranca do Penedés e Palma do Condado. O gañador darase a coñecer o vindeiro venres, día 4 de novembro, tras unha reunión celebrada en Palmea (Portugal).