A Mesa do Parlamento de Galicia acordou este luns manter sen variacións o réxime económico dos deputados e dos grupos do Pazo do Hórreo. Deste xeito, ratificaron o acordo da Mesa sobre o réxime económico, polo que un deputado 'raso' da Cámara autonómica percibirá ao redor de 4.800 euros --a asignación fixa é de 1.942,95 euros, 280,91 por gastos de representación e 2.587,39 euros de contía mensual fixa para afrontar os gastos de aloxamento e manutención que orixine a súa actividade--.


A Cámara tamén recolle unha serie de indemnizacións estatutarias por funcións en órganos parlamentarios (incompatibles entre si e de percepción mensual). Así, os membros da Mesa teñen un complemento de 1.464,88 euros. O presidente percibe 1.765,21 euros de gastos de representacion e o resto de membros 1.095,07 polo mesmo concepto.


En canto aos gastos de libre disposición a contía sitúase en 906,45 euros para o presidente e 480,66 para os vicepresidentes (neste caso Diego Calvo --o primeiro-- e Eva Solla --a segunda), o secretario (Raquel Arias foi elixida como secretaria no arranque desta X Lexislatura) e o vicesecretario (a vicesecretaria é a socialista Concepción Burgo).


Á marxe, o acordo económico fai constar que se cubrirán os gastos de transporte no medio público dos deputados e que os desprazamentos en vehíuclo propio abonaranse a razón de 0,19 euros/quilómetro. En todo caso, abonarase a cada deputado mensualmente, catro viaxes fixas por desprazamento ás reunións de grupo.


Así mesmo, o actual réxime económico incide en que os deputados sen dedicación exclusiva e sen cargos só terán dereito ás compensacións relativas a axuda de custo e locomoción.


SUBVENCIÓNS AOS GRUPOS


De acordo ao regulamento, que estipula que o Parlamento poñerá a disposición dos grupos parlamentarios locais e medios materiais suficientes e asignarase, con cargo ao seu orzamento, unha subvención fixa idéntica para todos e outra variable en función do número dos deputados de cada un, quedan ratificadas, tamén sen cambios, as subvencións a cada grupo.


A Mesa acordou manter as mesmas contías aprobadas en 2012 para cada un dos catro grupos que conforman o arco parlamentario autonómico --9.971,79 euros ao mes de subvención fixa; unha variable de 1.837,01 por mes e deputado; e unha finalista de 5.898 euros ao mes.


Así, nun ano, o Grupo Parlamentario Popular recibirá 119.661,48 euros de subvención fixa, 903.808,92 de variable e 70.782,72 euros de finalista. En total, cos seus 41 deputados, os mesmos que no anterior mandato, os seus ingresos anuais a través destas subvencións non varían e mantéñense en 1.094.253,12 euros.


Pola súa banda, En Marea e PSdeG, empatados a 14 escanos, percibirán ao ano os 119.661,48 euros da subvención fixa e os 70.782,72 euros da finalista, á que haberá que sumar un total de 308.617,68 da contía variable en función do número de deputados. En total, por esta vía ambos os grupos ingresarán ao redor de medio millón de euros anualmente(499.061,88).


Por último, o BNG, á marxe das contías que tamén cobran o resto de grupos, percibe pola axuda variable de 132.264,72 euros dados os seus seis deputados. Esta cantidade, sumada aos outros 119.551,48 euros e aos 70.782,72 euros finalistas, outórganlle unha subvención total anual de 322.708,92 euros. 


De conformarse nun futuro un Grupo Mixto na Cámara autonómica (como ocorreu na pasada lexislatura), a subvención fixa podería ser revisada á baixa.


LOCAL DE EN MAREA


A Mesa se pronunciará nun próximo encontro sobre as necesidades dun novo local para En Marea, que se adecue ás súas necesidades ao incrementar o número de deputados en comparación co grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no pasado mandato.


Sobre a mesa está a posibilidade (ratificada polo propio presidente da Cámara) de que En Marea e BNG se intercambien as súas instalacións, aínda que non hai unha decisión pechada respecto diso.

POWERED BY BIGPRESS