A editorial Galaxia sacou á venda o álbum ilustrado 'O Noso Samaín', de Loretta Birott, para explicar aos máis pequenos a tradición galega do Samaín en contraposición coa celebración do Halloween.
O libro, ilustrado por Nuria Valdeón, traslada aos nenos a tradición galega vinculada co nacemento do outono e as crenzas "milenarias" que sustentan a tradición do Samaín.
Para a autora e a editorial é "crucial" que os máis pequenos saiban que a tradición de contacto entre vivos e mortos "é tamén galega", que se coñece como Samaín e que "se celebra en Galicia desde sempre".
DÍA DOS DEFUNTOS
A propia editorial explica na súa páxina web que o Samaín "é unha celebración que ten máis de 3000 anos e que, precisamente, está na orixe do Halloween máis mediático, pois chegou a Norteamérica da man doutro pobo celta e emigrante como foi o irlandés".
Para non esquecer as nosas tradicións, Galaxia botou a andar desta volta un álbum ilustrado que leva como nome "O Noso Samaín", que ten como obxectivo ensinarlles aos máis pequenos da casa a celebración do Día de Defuntos, o Samaín.