Unha representación da asociación A Mesa pola Normalización Lingüística fixo entrega na Xunta dunha versión "alternativa" das caixas finlandesas, as chamadas 'caixas benvida' que regala o Goberno autonómico aos pais que tiveron fillos a partir de agosto, para protestar pola suposta "exclusión" do galego nos materiais incluídos nela.
Esta iniciativa da Xunta imita a medida instaurada en Finlandia a partir de 1938, na que o Goberno regalaba un pack aos novos pais con diversos utensilios e materiais de utilidade para os primeiros meses de vida do pequeno.
Segundo denunciou Marcos Maceira, presidente da Mesa, en declaracións aos medios, a asociación recibiu "varias queixas" de pais en relación a que un dos artigos incluído, un CD que inclúe a caixa, está integramente en castelán.
A Mesa decidiu entregar a través do Rexistro da Xunta dunha versión "alternativa" desta caixa na que incluíron unha serie de materiais en lingua galega elaborados especificamente para os primeiros anos do bebé, como un abecedario ou un libro de aves, entre outros "en protesta por esta exclusión" da lingua propia.
EXCLUSIÓN DO GALEGO NA ENSINANZA INFANTIL
Maceira lembrou que "todos os datos do IGE" evidencia unha "absoluta exclusión" do idioma propio de Galicia nas primeiras etapas de desenvolvemento dos pequenos e, sobre todo, "en educación infantil".
Unhas circunstancias, denuncia, "potenciadas" pola Administración, a pesar de que ten "a obrigación legal" de promover o idioma "en todos os planos da vida pública".
Por outra banda, considerou irónico que se apele ao modelo finlandés nas políticas de apoio á infancia, ao tratarse dunha país no que a lingua propia "pasou de estar desaparecida a estar plenamente normalizada".
"Hai 100 anos non chegaba ao 25 por cento de falantes e hoxe o finés está no 96 por cento grazas a unha política de impulso e normalización desde mediados do século XIX, vinculando sempre a lingua ao desenvolvemento social e humano do país", destacou.
Por iso, reclamou "imitar o impulso" e non un modelo "de exclusión".