As enfermidades reumáticas afectan en Galicia, aproximadamente, a entre un 20 e un 30 por cento da poboación maior de 20 anos e supoñen un dos primeiros motivos de consulta en atención primaria.


Así o destacou este sábado o conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuíña, durante a inauguración da XII Xornada Nacional de Artrite.

Neste escenario, o titular de Sanidade remarcou que a Xunta traballará na mellora na atención a estes pacientes, "co traballo conxunto, en equipo, dos profesionais de atención primaria e dos servizos hospitalarios".

"A integración do nivel básico de atención, que garante a continuidade da asistencia ao longo da vida do paciente, cos servizos dos centros hospitalarios para aqueles casos que revisten máis complexidade e necesitan maior capacidade resolutiva, é a clave para dar unha resposta idónea aos nosos pacientes", sinalou o conselleiro.

Segundo indicou Almuíña, "a día de hoxe" coñécense "máis de 200 enfermidades reumáticas, con distinta orixe, prognóstico e tratamento". "Esta diversidade nas súas manifestacións, unida ao feito de que poden aparecer en calquera idade, supoñen un dos grandes retos aos que debe facer fronte un servizo de saúde, tanto pola inxente cantidade de recursos sanitarios necesarios en todas as etapas da enfermidade, como polo feito de que moitas delas tenden a cronificarse e persistir con distinta intensidade na vida da persoa", apuntou.

Para o titular de Sanidade, "o conxunto das patoloxías reumáticas e musculoesqueléticas teñen unha entidade suficiente para que o Ministerio de Sanidade desenvolvese unha estratexia específica para proceder á súa abordaxe no conxunto do Estado, dunha maneira coordinada e equitativa". No caso do Sergas, "están incluídas dentro das nosas prioridades sanitarias", destacou o conselleiro.

POWERED BY BIGPRESS