A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que o arranque da nova lexislatura coincide con "un tempo novo" para a súa formación, que, segundo subliñou, fará "unha oposición firme" e "de ideas", con "un pé no Parlamento" e outro "na rúa".
En declaracións aos xornalistas despois do pleno, nos corredores da Cámara, Pontón asegurou que o Bloque vai estar "aí para tirar de toda esa xente que necesita unha voz que defenda con contundencia os seus problemas e as súas alternativas".
Nun "momento complexo", a líder nacionalista marcouse o "reto inmenso como BNG" de "devolver a esperanza e os motivos para sorrir a miles de persoas que ven con desesperación que a súa situación non se soluciona".
Así, neste "novo camiño", apelou a "que o PP non aplique a súa maioría" no hemiciclo "unha apisoadora", de modo que "se poida ter diálogo" e o grupo maioritario escoite "as propostas da oposición, que representa a galegos que tamén teñen dereito a estar presentes".
"PROXECTO SÓLIDO E COHESIONADO"
Como Bloque, comprometeu "unha oposición rigorosa, de ideas e de propostas". "Non só imos ser a voz das vítimas, tamén das alternativas para que saquemos este país adiante", incidiu.
Desta forma, neste "novo ciclo", considerou que "hai motivos para que as persoas teñan esperanzas" e resaltou que "a política é algo moi serio". "Aspiramos a consolidarnos como alternativa fronte ao réxime e fronte ao PP en Galicia", engadiu.
Neste sentido, reivindicou o "proxecto sólido e cohesionado" dos nacionalistas, que, segundo indicou, darán "o mellor" de si mesmos, con "entusiasmo" pero "tamén con humildade", algo que viu "fundamental na política en anos de moita arrogancia".