As cámaras de videovixiancia instaladas na estrada do aeroporto de Lavacolla, na que o mércores perdeu a vida un mozo de 22 anos que circulaba en sentido contrario, amosarían segundo o diario El Correo Gallego, que o condutor buscou o impacto contra o camión intencionadamente.


Tamén La Voz de Galicia publica as declaracións do camioneiro contra o que impactou frontalmente o mozo, nas que afirma que "non tivo escapatoria", e que tentou esquivar o coche "pero veu contra min".


Segundo varios medios, as cámaras amosarían como o condutor 'kamikaze' incrementa a velocidade ata bater co camión. Coincide esta narración dos feitos coas declaracións do camioneiro implicado no sinistro ao xornal La Voz de Galicia: "eu, polo que vin, o chaval viña por min, porque ían dous coches diante miña e pasou de largo, non deu 'volantazo' contra eles, so o deu contra min".


O sinistro tivo lugar en concreto ás 11,55 horas deste mércores no quilómetro 85,9 da A-54 sentido Lugo, no termo municipal de Santiago de Compostela, cun turismo Citroën Xantia e un camión Scania con semiremolque implicados.


O accidente consistiu no choque frontal entre ambos os vehículos con resultado dunha persoa falecida, o home J.C.F., de 22 anos e veciño da poboación coruñesa de Milladoiro.


O Equipo de Atestados de Santiago instruíu as dilixencias para esclarecer as causas deste sinistro, que serán remitidas ao xulgado competente, o de Instrución de garda de Santiago.

POWERED BY BIGPRESS