Decenas de alumnos e profesores de centros públicos de toda Galicia protagonizaron unha xornada de protestas durante o horario de recreo para trasladar o seu "rotundo rexeitamento" ás probas finais de ESO e Bacharelato, as chamadas 'reválidas', e contra a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce).
A comunidade escolar celebrou concentracións en diversos puntos da comunidade galega, como o IES Rosalía de Castro en Santiago, o CPI Ramón Piñeiro de Láncara, o CPI de Vedra, ou o IES As Lagoas, entre moitos outros, onde portaban pancartas nas que se lían lemas como 'Nin reválidas nin Lomce', 'Reválidas non!' ou 'Non á Lomce'.
Estas protestas enmárcanse nunha campaña impulsada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público co obxectivo de que estas probas finais "desaparezan de todos os textos legais" e que desembocará nunha xornada de reivindicación o próximo 26 de outubro, cunha folga educativa que se producirá en todo o Estado, concentracións ás 19.00 horas nas sete grandes cidades e ás 20.00 horas en Carballo e Cee.
As probas implantaranse este curso por primeira vez entre críticas das principais asociacións e sindicatos do sistema educativo dado que, aínda que non terá un carácter académico en 2017, si contará para o seguinte exercicio.
Ademais, a 'reválida' de Bacharelato será a nova proba que substituirá á selectividade e xa contará para acceder ao sistema de educación superior, a pesar de que aínda se descoñecen os contidos da mesma.
INTERCAMBIO DE ACUSACIÓNS
Un dos portavoces da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, participou na protesta celebrada no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
En declaracións aos medios, Louzao reprochou ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que "non asuma a súa responsabilidade, como máxima autoridade educativa de Galicia, chegando a afirmar que "non hai por que estar preocupados" ao tratarse dunha proba que será "moi similar" á PAU.
"Un acto de insensatez e inconsciencia", criticou, reprochando que se obrigue ao alumnado para participar en modelo no que terá que "xogarse o seu futuro académico" nunhas probas, a pesar de pasar por unha avaliación continua .
Román Rodríguez saíu ao paso destas críticas, acusando a Louzao de "xerar incerteza e intranquilidade" de modo "interesado", á vez que lembrou o acordo entre Ministerio de Educación e a CRUE para que a nova proba "sexa practicamente idéntica" á selectividade tal e como se coñece.
"Non é prudente. É irresponsable xerar incerteza", insistiu, para reiterar que pronto se coñecerá a orde que regulará "a letra pequena" destas probas tan "importantes para o futuro de moitos mozos". "Creo que a tranquilidade debe primar, sobre todo o sentido común, e non xerar un ruído innecesario no sistema".