Un camión incendiouse este mércores cando circulaba polo concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e mentres transportaba uns 600 quilos de coiro, repartido en caixas, segundo informa o 112.
En concreto, os feitos producíronse na AC-840, a estrada que une A Coruña con Curtis, á altura de Trasanquelos. Tanto a cabina do vehículo como a súa carga quedaron completamente afectadas polas chamas.
O lume declarouse cara ás 15,00 horas, momento no que o propio camioneiro chamou ao 112 para explicar a súa situación. Segundo indicou, xa tentaran apagar o incendio con varios extintores, pero non o lograban.
O 112 alertou entón aos bombeiros de Betanzos e ao GES de Curtis, que enviaron senllas dotacións ao momento. Tamén foi informada a Garda Civil de Tráfico.
Os efectivos mobilizados encargáronse de sufocar o incendio e segundo explicaron as tarefas para evitar que o lume se reavivase foron laboriosas. O camión tivo que ser retirado coa axuda dun guindastre.
INCENDIO NA GUDIÑA
Entre tanto, un incendio calcinou boa parte dunha vivenda da rúa Silveira, na Gudiña. O lume declarouse sobre as 14,30 horas nunha tixola que estaba no lume.
O lume propagouse pola estancia, unha ampla cociña con salón e comedor. As chamas tamén afectaron o teito dese piso. De feito, prenderon no faiado e afectaron a numerosas pertenzas almacenadas.
A planta baixa da vivenda sufriu danos pola auga empregada polos efectivos de emerxencias para sufocar o incendio. O GES da Gudiña encargouse de alertar da situación ao 112 e tamén a Protección Civil e a Garda Civil.