O sindicato Unións Agrarias denunciou este luns a "marxinación" que sofren os mozos que habitan no ámbito rural e, así, instou á Xunta a conceder a "gratuidade" no transporte "para todos".


E é que, segundo recalcou UU.AA. nun comunicado, na actualidade só está recollida a gratuidade do transporte de carácter metropolitano, mentres que os mozos de ata 19 anos que residen en "comarcas máis afastadas" das cidades sofren "un novo elemento de discriminación".


A iso engadiu a entidade que lidera Roberto García que as rendas das familias do rural son "as que máis se resentiron" durante estes anos de crises, dada a caída dos prezos en orixe dos produtos agrícolas e gandeiros.


Dito isto, sinalou que noutras zonas da UE "discriminase positivamente" á xente que vive no rural, cuxo traballo se considera "un activo estratéxico" en aspectos como o mantemento da biodiversidade e a diversificación económica.


En cambio, lamentou, en Galicia "a tendencia é xusto a contraria", con "recortes" nos servizos públicos de proximidade e un trato de "galegos de segunda" para os habitantes do rural.

POWERED BY BIGPRESS