O goberno da Deputación de Lugo poñerá en marcha unha liña de axudas para financiar gastos correntes dos concellos en materia de cultura e deportes cun orzamento total de 160.000 euros.
O vicepresidente provincial, Álvaro Santos, informou de que se aprobarán as bases "nos próximos días" para estas dúas liñas de axudas, que contarán en cada caso con 80.000 euros.
O obxectivo é colaborar no financiamento de "gastos correntes" en escolas de música e deportes, a contratación de monitores e a organización de carreiras populares ou eventos culturais, entre outras actividades. Santos avanzou que a valoración se baseará en "criterios obxectivos" para a distribución dos fondos.
Noutra orde de argumentos, o vicepresidente provincial sinalou que as axudas a clubs deportivos da provincia abonaranse antes de final de ano, polo menos o adianto do 80 por cento que se incluíu este ano como novidade na convocatoria de subvencións.
Máis de 550 clubs de toda a provincia presentaron solicitude a este proceso de concorrencia competitiva que convoca a Deputación de Lugo para colaborar co deporte base con medio millón de euros.
7ª FEIRA OUTLET
A deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este xoves, xunto coa Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e a Presidenta da Asociación de Autónomas e Empresarias, Nora Real a 7ª Feira Outlet, organizada pola Asociación de Autónomas e Empresarias. A cita reúne a numerosos comerciantes lucenses ofrecendo nos seus stands centos de produtos con descontos que oscilarán entre o 50 e o 80%.
Un total de 26 comerciantes lucenses porán á venda centos de produtos variados de stock a prezos considerablemente reducidos, con descontos dun 50% a un 80%. Zapatería, téxtil, xoiería, lencería, fogar, pel, agasallos, peiteado, cosmética, deporte e accesorios de mascotas, -novidade destacada nesta edición-, serán as mercadorías que se poderán adquirir, moitas delas de destacadas marcas.
A Deputación cede un ano máis á Asociación de Autónomas e Empresarias a carpa situada na praza Anxo Fernández Gómezdetrás do consistorio lucense para a celebración da 7ª Feira Outlet. A carpa, na que xa tivo lugar o Artesanfroilán, estará aberta dende o venres 14 ao domingo 16 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.