Segundo un mapa da OMS, a metade da poboación galega estaría respirando aire contaminado con partículas pequenas pequenas que acadan valores algo superiores aos 'valores obxectivo' establecidos pola OMS, dándose así o 'paradoxo' de que "a gran maioría dos valores estarían dentro da lexislación vixente", afirma Ramón Varela, expresidente de ADEGA e experto en contaminación atmosférica.


Mapa Mundial, feito público pola OMS, resalta as zonas dos países do mundo onde se exceden os limites fixados en materia de calidade do aire e ademais achega estimacións nacionais sobre exposición a contaminación do aire e as súas repercusións para a saúde.


As 7 grandes cidades galegas, así coma a súa área de influencia, terían valores comprendidos entre 11 e 19 microgramos/metro cúbico de PM2,5 e algunhas superarían tamén os valores de 20 microgamos/metro cúbico para partículas PM10, unha situación que pode chegar a aumentar ou causar enfermidades caridovasculares, accidentes cerebrovasculares ou enfermidades crónicas, entre outras, avisan desde ADEGA, ao tempo que denuncian que a lexislación da UE sexa "permisiva" e "contraria a rebaixar os límites legais establecidos". 


Asocian esta circunstancia a intereses económicos que "inflúen" a UE para manter a situación actual "coas graves consecuencias que conleva para a saúde, a economía e a vida social".


FONTES DE CONTAMINACIÓN


Entre as fontes de contaminación do aire, a OMS cita os modos ineficinetes de transporte, as centrais eléctricas, as actividades industriais e a queima de combustible e resíduos


Desde ADEGA, Ramón Varela indica que "a lexislación permite valores máis permisivos ca os que fixa a OMS", que establece en 10 microgramos por metro cúbico para partículas pequenas o límite para a protección da saúde, mentres que a lexislación da UE o fai en 25 microgramos por metro cúbico. O mesmo acontece coas partículas grandes, para as que a OMS establece un máximo de 20 microgramos por metro cúbico, á vez que a lexislación española e europea o sitúa en 40 microgramos.


ZONAS "LIMPAS E SUCIAS"


As zonas consideradas máis 'limpas' segundo o Mapa Mundial da OMS, que amosan valores por baixo dos 'valores obxectivo' serían Escocia e o Norte de Inglaterra, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia e parte de Dinamarca. Pola contra, as máis contaminadas que superan amplamente ou multiplican o valor da OMS están en Italia, especialmente no Norte, no este de Alemaña e na gran maioría dos países da zona oriental de Europa ata Rusia, achegan desde ADEGA. 

POWERED BY BIGPRESS