O presidente da Deputación e do PP de Ourense, Manuel Baltar Blanco, asegurou que a renuncia á militancia do alcalde de Vilariño de Conso, Ventura Sierra, a quen o xulgado lle abríu xuízo oral por prevaricación e delito continuado de falsidade documental foi tomada "libremente" e "hónrao".
A preguntas dos medios, Baltar Blanco dixo que se trata "dun xesto" que xa desde o partido se lle dixo que o honraba para "non mesturar e danar a imaxe da formación política". Con todo, lembrou que "hai unha cuestión básica e fundamental do estado de dereito, que é a presunción de inocencia".
Ademais, o presidente do PP de Ourense, investigado por suposto delito de suborno, sostivo que ter que "lembrar estas cousas (a presunción de inocencia) é algo que di moito da situación e do escenario actual".
Ao fío diso, apuntou que lle viñan á memoria outros casos como o do alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, quen tamén pediu esa renuncia á militancia e despois foi absolto pola xustiza para, posteriormente, reingresar no PP.
Baltar Blanco remarcou que el cre "na inocencia de todos e que a presunción de inocencia é algo no que todos deben crer". "E isto de que se cambie pola presunción de culpabilidade é un xogo que certamente é perigoso", advertiu.
IRREGULARIDADES ENTRE 2012 E 2013
Os feitos polos que se abre xuízo a Ventura Sierra teñen que ver cunha serie de irregularidades nos anos 2012 e 2013 relacionadas coa realización de contratos asinados cunha trintena de traballadores, algúns deles por unha mesma persoa.
A Fiscalía cre que a rexedor elexía aos traballadores en base ao seu criterio persoal, "vulnerando" os principios de igualdade, mérito e capacidade.
O rexedor, para o que se decretou liberdade provisional sen fianza, exponse á petición de dúas penas de inhabilitación que suman 14 anos e a cinco anos de cárcere.