O Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDEA), adscrito ao Ministerio de Industria, admitiu agora os documentos traducidos do galego incluídos no expediente enviado polo Concello de Santiago para poder optar a unhas axudas de 1,46 millóns de euros para aforro enerxético.
Inicialmente, este instituto rexeitara que o Consistorio puidese emendar unha documentación remitida en galego e denegou as axudas ao Concello de Santiago por esta circunstancia, en resolución do 11 de xullo.
O día 27 dese mes o propio alcalde, Martiño Noriega, remitiu unha reclamación para que se reconsiderase esta postura e este mesmo luns chegou a notificación de acordo estimatorio desa petición realizada polo rexedor, o que permite a Santiago optar a esa contía para renovación do parque de luminarias.
Así, segundo informou Noriega, esta nova resolución estima a reclamación que se fixo no seu nome e anula a que excluíu ao concello de participar nas axudas. Ademais, admite a incorporación dos informes traducidos e retrotrae a decisión sobre o expediente, de maneira que agora o Concello volve optar a esas axudas.
Noriega expresou a súa "satisfacción" de que esta reclamación "chegase a bo porto" e de que o Concello "estea en disposición de optar a esta liña de axudas para diminuír o gasto enerxético".
TAMÉN NO CONCELLO DE TEO
De igual modo, tamén foi admitida a reclamación formulada polo Concello de Teo, que capitanea Rafael Sixto (Anova-Son). Neste caso, trátase dunha petición de axudas de 3,27 millóns de euros para o proxecto de iluminación pública.
No seu día, o propio presidente da Xunta (agora en funcións), Alberto Núñez Feijóo, considerou esta a denegación destas axudas por achegar documentos en galego un "erro" ou "un disparate".
Pola súa banda, A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou unha denuncia contra o IDAE por "a grave vulneración da Carta Europea das Linguas" nestas liñas de axudas.