Cantís na parroquia de Boebre, en Pontedeume. //Foto: turismo.gal
Un home foi rescatado a última hora da tarde deste sábado nunha zona de cantís de Boebre, en Pontedeume (A Coruña). En principio, todo apunta a que a vítima caeu por un desnivel, quedando inconsciente nunha zona de difícil acceso.
Foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia ás 20,00 horas deste sábado para dar a voz de alarma. En concreto, indicou que un amigo seu baixara ata o punto onde caeu o home para comprobar o seu estado.
Despois de que o alertante indicase as coordenadas exactas do lugar, o 112 Galicia puxo en marcha un operativo de rescate. Así, alertouse da situación a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Pontedeume, a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil. Ademais, o 112 Galicia explicou a situación a Salvamento Marítimo, que decidiu enviar o Helimer.
Tras o rescate, o home recibiu no punto asistencia sanitaria de urxencia para, posteriormente, ser evacuado nunha ambulancia a un centro hospitalario.
domingo, 9 de octubre de 2016, 11:18