// Fundación Amancio Ortega
A Fundación Amancio Ortega convoca unha nova edición do seu programa de bolsas, que, esta vez, cubrirá os estudos de 1º de Bacharelato en Estados Unidos e Canadá a 500 mozos.
O prazo de inscrición para solicitar unha das 250 bolsas por cada país arrinca o vindeiro luns, día 3, e finaliza o 15 de novembro. Diríxense a estudantes de 4º de ESO de España que queiran estudar o curso 2017/18 fóra.
Para participar requírese unha nota media mínima de 7 en 3º de ESO e unha nota mínima na materia de inglés de 8. Así mesmo, a renda per cápita da unidade familiar dos solicitantes será tida en conta.
Un total de 80 das 500 bolsas repartiranse entre estudantes de centros educativos de Galicia, mentres os 420 restantes abriranse a alumnos doutras comunidades.
A bolsa cobre o 100% do custo do ano académico no estranxeiro: escolarización, viaxe, aloxamento e manutención nunha familia local de acollida, seguro médico e de accidentes, formación previa ao comezo do curso e seguimento durante os dez meses de estancia.