A titular do xulgado de instrución número 2 do Porriño (Pontevedra) autorizou xa o traslado dos restos do tren que descarrilou o pasado 9 de setembro a poucos metros da estación desta localidade, e que serán levados a instalacións de Renfe en Redondela.
Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza, a maxistrada deu a indicación de que os vagóns non poden ser reparados nun prazo dun mes, que pode ser prorrogado para a realización das probas periciais necesarias na investigación.
Do mesmo, tampouco se autoriza, polo momento, a reparación das vías, dado que quedan inspeccións por realizar, por parte dos peritos xudiciais e dos técnicos da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios.
De feito, unha trintena destes técnicos xa estiveron o pasado venres na estación do Porriño para revisar os vagóns e, tras horas de inspección e de diferentes probas, concluíron que o sistema de freado do tren funcionaba correctamente. Tampouco detectaron nada irregular, a primeira ollada, na sinalización ou nas vías.
Con todo, nesta semana está previsto que se fagan revisións adicionais das vías, concretamente nos encravamentos, os sistemas que fan que os trens vaian por unha vía e non por outra.
Este Tren Celta que cubría a liña Vigo-O Porto, descarrilou ás 9,25 horas do 9 de setembro, causando 4 mortos (entre eles, o maquinista) e 49 feridos. Segundo os datos rexistrados nas caixas negras, o convoi circulaba a 118 quilómetros por hora no momento do accidente, a pesar de que a velocidade máxima permitida nesa vía era de 30 quilómetros por hora, e a pesar de que o maquinista recibiu dous avisos para moderar a velocidade (e confirmou que os recibía).