A Xustiza obriga á empresa adxudicataria do servizo de operadores da central de coordinación do 061, Global Salgues Solution (GSS), a presentar antes do día 10 de outubro unha proposta de pago das cantidades que debe aos empregados. En caso contrario, pode verse abocada a un embargo de contas.
Diso informou o comité de empresa de operadores do 061, despois de que se celebrase a vista na que se demandou ao xuíz a execución da sentenza existente contra GSS ditada polo xulgado do social de Santiago en xuño de 2015.
Esa sentenza condena a GSS a anular as modificacións impostas en materia de condicións de traballo aos operadores a xornada laboral parcial, as cales consistían nun incremento de horas de traballo por encima do convenio, nin cotizadas nin cobradas.
Na vista pola execución da sentenza a xuíza "insistiu primeiro en que GSS ten que reverter xa as condicións laborais anteriores á mencionada modificación", segundo explica o comité de empresa.
"Segundo, debe pagar as cantidades que lles debe aos traballadores afectados e resolver os problemas de infracotización á Seguridade Social que se derivaron de todas estas irregularidades. E, terceiro, deixar de poñer a deber as xornadas de baixas médicas sobre os traballadores", sinala.
Así, o comité volve chamar á Xunta a que se faga cargo da situación e a que se lle esixa a GSS unha serie de condicionantes que garantan "dunha vez por todas" a dignidade dos operadores do 061.