//Foto: @1923NOS twitter


O Colectivo Nós, que agrupa máis dun cento de socios do Celta de Vigo, mostra o seu "descontento e rexeitamento" á venda do club a un grupo investidor chinés.


Os afeccionados celestes entenden que Carlos Mouriño "está no seu dereito" e pode vender as súas accións en calquera momento, polo que o seu "rexeitamento non radica na venda, senón en a quen se vende".


O comprador será o grupo chinés CITS (China International Travel Service). As conversacións están moi avanzadas, aínda que aínda quedan trámites que impiden establecer prazos. De todos os xeitos, xa se falou de que a intención do presidente é facer o anuncio na xunta xeral de accionistas que se celebrará antes de final de ano.


"Esta venda iría contra os valores que Mouriño defendeu durante a década que estivo á fronte do club, na que a identificación do club coa cidade de Vigo, en particular, e con Galicia en xeral foi un dos alicerces que acompañou a súa política de márketing durante estes anos", critican.


Colectivo Nós lamenta que o presidente entenda o Celta como "un simple negocio" co que rendibilizar o seu investimento, e acúsao de esquecer a parte "pasional" e os afeccionados. "De confirmarse tal noticia, sería un triste epílogo ao que podería ser recoñecido como o mellor presidente da historia do club", sosteñen.


Por tanto, piden a Carlos Mouriño que reflexione: "non deixe ao club en mans alleas, non entenda ao Celta como un negocio máis, non xogue coas ilusións de miles de persoas. Faga o posible e o imposible para que ese paquete accionarial quede en mans galegas aínda que a operación non lle sexa tan rendible".

POWERED BY BIGPRESS