Como desde a Moncloa teñen moito interese en que os xornalistas non propaguemos "a maldade" de que Núñez Feijoo é a alternativa a Rajoy, pois un, que pasa xa de moitas cousas, só pode afirmar que, desde o seu punto de vista, os electores galegos salvaron a Rajoy do tsunami que suporía perder o Goberno da Xunta, algo que tamén destacan outros diarios impresos do resto do Estado.


Ou sexa, que o Presidente Feijóo gañou por goleada, e hai que dicilo pola boca pequena, e sobre todo non resaltar que o barón popular de Ourense Baltar Blanco deulle "unha malleira electoral" á oposición que os deixou tremendo, salvando a Feijóo do escano perdido en Lugo. Tanto ocultar a "Baltarín" das cámaras e ao final resulta que é decisivo á hora do voto.


Di o Presidente Feijóo que el queda en Galicia os próximos catro anos. Fará ben se o deixan os acontecementos xudiciais e non lle busca as costas á Vicetodo Soraya á que "gusta moito" a cadeira do seu xefe e non quere adversarios. Se pode quedar na súa terra, coa autoridade moral que lle deron as urnas, ben faría en "aproveitar" ese ben gañado prestixio para sacar moitas cousas necesarias para Galicia como facía Manuel Fraga, ao que non había Ministro que non se lle puxese ao teléfono e lle dera o que pedía. Por exemplo Álvarez Cascos, Loyola de Palacio ou a actual Presidenta do Congreso dos Deputados e mesmo o propio Rajoy.


Tres maiorías absolutas seguidas é unha xigantesca bagaxe política, como para non querer aproveitála en beneficio desa Galicia que espera os mesmos recursos económicos que "as mimadas" Euskadi e Catalunya". Por iso, pensar agora nun concerto económico, ou como queira chamárselle, como o vasco non é unha utopía, e se un logro político espectacular que deixaría á oposición mirando a Lleida durante unha "longa noite de pedra" que diría o socialista Celso Emilio Ferreiro.


Como galego da diáspora pregúntome: Por que Galicia ten que pasar apuros orzamentarios e quedar o seu goberno como "o que máis recorta en Sanidade ou en servizos sociais, se acaba de facer pola gobernabilidade do Estado máis que todos os partidos estatais xuntos, incluídos PP, PSOE, Ciudadanos e Podemos?


Como xa cantou Serrat, outro socialista do PSC, eu diríalle ao Presidente Feijóo neste día de resaca electoral: "Hoxe pode ser un gran día, durou con el..."

POWERED BY BIGPRESS