Ao peche dos colexios electorais e tras coñecer os resultados que predicen as enquisas da TVG e La Voz de Galicia para as eleccións galegas, os portavoces dos principais partidos que concorren ás eleccións pronunciáronse sobre dous aspectos: a participación, e as predicións da demoscopia.
BNG
A coordinadora de campaña do BNG, Goretti Sanmartín, asegurou que "sería mellor" que as eleccións autonómicas rexistraran "un índice de participación máis elevado", ao considerar que o momento actual é "realmente complexo", aínda que celebrou a "corrente de simpatía" xerada coa súa campaña, na que a formación nacionalista transmitiu "unha mensaxe de ilusión en positivo".
Unha vez pechadas as urnas, Gorreti Sanmartín compareceu ante os medios en Santiago de Compostela, onde valorou os primeiros datos de participación que se sitúan en cifras similares ás dos pasados comicios autonómicos de 2012. Así, ás 17,00 horas, era do 42,49%, unha porcentaxe practicamente idéntica ao alcanzado na mesma franxa horaria nas pasadas autonómicas.
Aínda que rexeitou "valorar enquisas" nun momento "no que falta tan pouco" para coñecer os resultados, celebrou que exista "unha corrente de simpatía" xerada por "a ilusión" que o BNG "conseguiu recuperar".
E é que, segundo a enquisa feita por TNS para a CRTVG, o BNG quedaría nestas eleccións con entre cinco e seis deputados, o que lle permitiría manter grupo parlamentario cun 8,8% dos sufraxios.
A coordinadora da campaña tamén aproveitou a súa comparecencia para agradecer a "as máis de 3.300 persoas" que representaron ao BNG nas distintas mesas repartidas pola xeografía galegas o seu esforzo, así como o traballo de todos os candidatos que "percorreron o país" ao longo destes 15 días de campaña.
PSdeG
A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, celebrou este domingo a "normalidade" coa que se desenvolveu a xornada electoral en Galicia, á vez que restou transcendencia ás enquisas a pé de urna que se foron coñecendo.
Nunha breve comparecencia ante os medios ao peche de urnas, Cancela puxo en valor que os últimos datos de participación coñecidos están ao nivel dos anteriores comicios a pesar da repetición de eleccións nos últimos meses.
Tamén falou sobre as sondaxes a pé de urna elaborados por TNS Demoscopia para a TVG, que prognostican que o PPdeG revalidaría a súa maioría absoluta con entre 38 e 41 deputados e que o PSdeG empataría con En Marea, con entre 14 e 16 escanos cada un.
"Tomámolas con certa distancia e con certa prudencia, sobre todo polas últimas experiencias", xustificou, antes de lembrar que o seu "reserva" obedece a que os datos das enquisas nas últimas citas coas urnas non se corresponderon cos resultados das urnas.
Máis aló deste asunto, agradeceu o "traballo" realizado polos membros das mesas electorais, polo persoal de Correos e das xuntas electorais, e tamén de quen está exercendo como apoderados ou interventores do PSdeG.
"BOAS NOTICIAS"
Por último, Cancela reivindicou a "fortaleza" do sistema democrático e avanzou que será o propio candidato á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen comparecerá para falar dos resultados. "Esperemos que con boas noticias", apostilou.
Actualmente, Leiceaga está a seguir o escrutinio desde a sede, á que chegou minutos antes das 19,00 horas, acompañado de membros de Xuventudes Socialistas de Galicia e integrantes das candidaturas e da xestora.
PPdeG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, compareceu ante os medios con "boas sensacións", aínda que relativizou as sondaxes a pé de urna, que auguran que Alberto Núñez Feijóo lograría manter a única maioría absoluta autonómica que hai en España. En todo caso, garantiu que os populares "asumirán o veredicto" das urnas, "sexa cal for", e felicitarán ao presidente electo.
No arranque do escrutinio e á espera de que Feijóo chegue á sede do partido (en principio farao despois das 21,00 horas), Tellado agradeceu o traballo feito polos interventores e apoderados do PPdeG e garantiu que, pase o que pase, o PP "respectará a vontade das maiorías", o que considera "unha obrigación" nun Estado democrático como o de España.
"Asumiremos o veredicto das urnas e felicitaremos ao presidente electo; non cabe outra cousa, ese será o noso comportamento sexa cal for o resultado e esperamos que sexa o do resto de forzas. Non sempre foi así, pero sería unha boa noticia para Galicia que o fose", apuntou.
Pola súa banda, destacou que os populares teñen "boas sensacións" e están "ilusionados" tras realizar "unha boa campaña, construtiva, limpa e propositiva", que esperan que conectase " coa maioría do pobo galego". En canto ás sondaxes a pé de urna, reafirmouse en que "non serven para gañar eleccións", polo que optou por "reservarse" a valoración ata que se coñeza o escrutinio definitivo e que decidiron " os galegos".