Un condutor foi interceptado cando circulaba en sentido contrario dirección A Coruña pola AG-55 nun cuadriciclo, "posiblemente desorientado", segundo informou a Comandancia da Garda Civil coruñesa.


Sobre as 11,45 horas do venres, segundo relatan as mesmas fontes, recibiuse unha chamada na Central COTA da Agrupación de Tráfico da Garda Civil da Coruña procedente do 112 que alertaba de que o condutor dun cuadriciclo circulaba en sentido contrario na AG-55.


Por iso se activou, segundo indicou o Instituto Armado, o protocolo para estes casos e enviáronse patrullas ao lugar. Á chegada dos axentes o condutor xa fora interceptado por outro, o cal o retivo ata a chegada dunha patrulla da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.


O condutor interceptado circulou durante un curto traxecto, "posiblemente confundiuse na entrada", segundo sostén a Garda Civil de Tráfico. O individuo ía pola AG-55 en sentido A Coruña polos carrís de dirección a Fisterra.


Esta persoa foi denunciada ao Regulamento Xeral de Circulación por circular en sentido contrario e proposto para recoñecemento Psicofísico extraordinario; "ao mostrar signo de estar desorientado, carente de reflexos, non observando intencionalidade de facelo, polos motivos expostos", destacan as mesmas fontes.


Desta persoa fíxose cargo un titor persoal que o axuda nos seus quefaceres diarios, así coma do vehículo implicado nos feitos. Tráfico precisou que "non houbo que lamentar ningún accidente nin incidente grazas á rápida intervención dos usuarios e a chegada inmediata da forza actuante, tras poñerse en marcha o protocolo de alerta".



POWERED BY BIGPRESS