Feijóo co seu maior fan de Carballo 


"Coñecédesme; non son unha incógnita nin unha sorpresa". Así se presentou o candidato do PPdeG á reelección nun mitin con 5.000 simpatizantes na chair de Palexco, na Coruña. O líder popular chamou a reflexionar sobre o día despois á cita coas urnas porque "o que pase o domingo non se pode cambiar o luns" e incidiu en que está en xogo "a Galicia do ano 2020, unha Galicia que reduza á metade o desemprego". 


Por iso, apelou unha vez máis ao voto que "une", á marxe de siglas, aos galegos que queren "o progreso e o benestar" das súas familias. "Veño pedir o voto para a Galicia do si, a Galicia que está unida, que mira de fronte aos problemas, que sufriu, pero que está de pé traballando", remarcou.


Sen pretender "ser o salvador de ninguén" senón "o servidor de todos", Feijóo subliñou que "o que importa é aquilo no que coinciden" os galegos e o que se pode facer "xuntos" a partir do domingo. "Pido a todos os galegos que ningún voto quede fose do Parlamento", aseverou, antes de subliñar que a garantía para iso é apoiar a súa candidatura.


Tras volver pedir o voto da "moderación" coa vista posta en simpatizantes de Cidadáns (C's) e en descontentos do PSOE, o líder do PPdeG garantiu que, en todo caso, el será "o presidente de todos" e velará polo interese xeral". "Coñecédesme, eu non vou meter a Galicia en ningún problema", advertiu.


DARDOS CONTRA A CORUÑA


A encargada de arrincar o mitin foi a dirixente local Rosa Galego, quen cargou contra as mareas, como tamén fixo a candidata e conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que chamou a evitar que "o populismo se instale na Xunta", como, na súa opinión, ocorreu con Marea Atlántica no goberno local A Coruña.


"Unha cidade paralizada, que a teñen ensuciada por non dicir chea do que xa vos imaxinades", proclamou a dirixente popular, quen bautizou A Coruña como "a gran dama do norte de España". Tamén destacou o perfil "respectuoso" do candidato fronte a uns rivais "instalados na mentira e o insulto".


Segundo Matogueira, o candidato popular "sempre gardou respecto aos de en fronte, o respecto que non lle gardaron a el". "Eles só falan de Feijóo, Feijóo, Feijóo e el só fala de Galicia, Galicia, Galicia", proclamou.


Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Diego Calvo, apelou a non confiarse e lembrou que Arsenio Igrexas, "o raposo de Arteixo", nunca se fiaba "aínda que o equipo fose moito máis frouxo" que o Deportivo.


Tamén Feijóo recorreu á metáfora futbolística durante a súa intervención e rememorou o penalti de Djukic, para asegurar que está "tranquilo" porque "o penalti do domingo tírano os galegos".



POWERED BY BIGPRESS