A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, considera "lexítimo" o debate interno no que está inmerso Podemos e que este martes evidenciaron en Twitter o seu secretario xeral, Pablo Iglesias e o seu 'número dous', Iñigo Errejón, pero cre que a antesala das eleccións do próximo domingo "quizais non sexa o momento máis adecuado" airear estas diferenzas en público.
Segundo explicou Fernández a Europa Press, desde o seu punto de vista ese debate debería "quedar en Podemos" e non afectar directamente á campaña electoral que está a facer En Marea para a cita coas urnas de dentro de catro días.
Precisamente, foi nun mitin en Galicia onde Iglesias volveu defender a conveniencia de que Podemos siga "dando medo" aos poderosos, comentario que provocou a resposta de Errejón en Twitter e abriu a espita para varios dirixentes do partido terciasen tamén na discusión.
Fernández remarcou que En Marea é un "partido instrumental" e un "suxeito político propio", do que tamén forma parte Podemos, pero que, ao seu xuízo, debería quedar á marxe da situación interna do partido morado. "Respectamos ese debate, pero temos os pés e a cabeza nas decisións que ten que tomar En Marea", remarcou.
miércoles, 21 de septiembre de 2016, 11:59