O Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira acordou prorrogar por un mes o segredo de sumario da causa sobre a desaparición da moza madrileña de 18 anos Diana Quer o pasado 22 de agosto no municipio coruñés da Pobra do Caramiñal, onde veraneaba.
Así o confirmaron fontes xudiciais, que puntualizaron que o segredo foi prorrogado o pasado venres 16 de setembro, aínda que caducaba a mediados desta semana.
A prórroga do segredo de sumario coincidiu coa comparecencia no Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira en calidade de investigada da nai da desaparecida en relación á custodia da súa filla menor, que lle foi retirada días despois da desaparición de Diana.
Ademais, o xulgado instrutor deixara sen efecto na xornada do pasado martes as citacións do pai, nai e irmá de Diana Quer en relación á causa que segue sobre a desaparición da moza madrileña ao considerar que non era operativo neste momento.
UN MES
O xoves cúmprese un mes da desaparición de Diana Quer tras as festas do Carmen dos Pincheiros, na Pobra do Caramiñal, onde veraneaba a moza madrileña coa súa familia.
Polo momento continúan abertas todas as hipóteses, aínda que algunhas van perdendo forza a medida que avanzan as investigacións. É o caso da primeira hipótese que se barallara ao inicio relacionada coa posible implicación do colectivos dos feirantes na desaparición de Diana, despois de que un deles a chamara, --"Morena, ven aquí"--, segundo un WhatsApp enviado pola moza a un amigo.
No transcurso das investigacións sóubose que a moza voltou á casa cambiarse de roupa, como admitíu a propia nai, e que non levaba consigo o seu DNI. Tamén trascendeu que a moza teríase desprazado da Pobra a Rianxo nun automóbil, como se desprende do rastro que deixa o GPS do seu teléfono, onde se lle perde o rastro, concretamente no Porto de Taragoña.
A nai de Diana mostrábase esperanzada este mesmo venres cando acudíu a Ribeira a declarar como implicada pola custodia da súa filla menor, Valeria. Pola súa parte, o pai da rapaza amosouse menos positivo co cauce das investigacións, e afirmou que "as expectativas de atopar a Diana con vida non son as mellores".
A garda civil desmentiu pola súa banda que se conte cun perfil de sospeitoso na causa e pide que "non se lle dean esperanzas á familia", ó tempo que afirma que continúan as pescudas para dar con pistas que os poidan levar ao paradeiro da moza. De momento investigan todas as matrículas dos coches que quedaron rexistrados nas cámaras de vixiancia acorde coa cronoloxía da desaparición e tamén cotexan as chamadas telefónicas que se rexistraron a esas horas na zona.