O persoal de Seaga maniféstase este luns, 19 de setembro, polas rúas de Santiago ata chegar á Xunta para protestar polas condicións de "absoluta precariedade" e a "nefasta política" en materia de prevención e extinción de lumes por parte do Goberno galego.


Segundo informou a CIG, a intención dos traballadores é iniciar unha acampada ante o edificio administrativo de San Caetano ao final dunha protesta que arrincará ao mediodía da Praza Roxa, en plena campaña electoral.


Así, quérese visibilizar que "o operativo da Xunta é un caos", xa que "se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo", desde medios da Administración autonómica, pasando por concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros.


Ademais, denunciarán as condicións de "precariedade" que padecen os traballadores, con contratos fixo-descontinuos dunha duración de tan só tres meses que "non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin a axudas de 400 euros".


De tal forma, o persoal de Seaga pide un único dispositivo público "no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores".


POWERED BY BIGPRESS