A causa feminista colábase hoxe na campaña electoral con Leiceaga e Pontón facendo alusións ás súas propostas nesta materia. O socialista aposta por recuperar a lei de igualdade no traballo do bipartito que foi "parada" por Feijóo, así como eliminar o "teito de cristal" e acadar unha igualdade real. 


Así, fixo referencia a medidas coma a creación de axudas para investigacións universitarias sobre o tema da igualdade ou impulsar a reprodución asistida con independencia da orientación sexual. Con Pontón coincidíu tamén na eliminación do concerto a colexios que segreguen por sexo, e na condena ó "amparo do PP a dirixentes con acusacións de acoso sexual", en clara alusión ao Presidente do PP ourensán, José Manuel Baltar.


LEICEAGA



O candidato socialista comprometeuse a recuperar a lei de igualdade no traballo, unha "aposta" do goberno liderado por Emilio Pérez Touriño que foi "parada" por Alberto Núñez Feijóo cando se fixo co liderado autonómico en 2009.


Díxoo nun acto cunha vintena de mulleres socialistas nun acto na coruñesa praza da Palloza, que permitiu por primeira vez nesta campaña escenificar a unidade entre as diferentes correntes do partido en Galicia.


Presentado pola líder do PSOE na cidade, Mar Barcón, como "un aliado das mulleres" e "o próximo presidente da Xunta", Leiceaga fixo fincapé na necesidade de actualizar a citada normativa para conseguir mellores condicións laborais para as mulleres e iguais retribucións que os seus compañeiros homes.


O candidato ademais ofreceu un dato "menor" pero "moi revelador", relativo á desaparición de 500 postos de traballo no sector marisqueiro. "Hai mil mulleres menos e 500 homes máis", apuntou, consciente de que en situacións de maior competencia, os homes acaban "desprazando" ás mulleres.


É por iso que avanzou un plan de emprego feminino enfocado a "vencer segregacións invisibles", á vez que asegurou que a igualdade non estará "confinada nun departamento" se el é presidente, senón que "impregnará todas as políticas".


Cun relato que comeza coa loita das sufragistas e chega ata os nosos días, ata a posibilidade de que unha muller, Hillary Clinton, sente no Despacho Oval, Leiceaga destacou os "enormes avances" do feminismo e mostrouse partidario de seguir rompendo "teitos de cristal" para levar a igualdade a outra dimensión.


Así, fronte aos subvencións a colexios que segregan aos alumnos en función do seu sexo, algo "absolutamente inadmisible" desde o seu punto de vista, o socialista apostou por "introducir no currículo escolar os valores da igualdade".


Sen saír do ámbito educativo, tamén apostou por "axudas específicas" para os traballos e investigacións universitarias sobre igualdade de xénero; así como pola implantación dunha rede de garderías para favorecer a conciliación.


No apartado sanitario, Leiceaga avogou por recuperar a estratexia específica de atención ás mulleres e por impulsar a reprodución asistida con independencia da orientación sexual, para "facer efectivo o dereito" para ter descendencia.


Contrapuxo deste modo as súas propostas coas "políticas machistas e patriarcais" do PP,  e rexeitou "amparar" a dirixentes con "graves acusacións de acoso sexual".


PONTÓN 


A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, avanzou este sábado en Vigo que o seu partido "non dedicará nin un só euro a políticas que discriminen ás mulleres": "Imos eliminar os concertos con eses colexios do Opus Dei que están segregando a nenos e nenas por sexo".


A continuación, asegurou que desde a Xunta pódese traballar para conseguir "máis traballo e de calidade para as mulleres". E é que o obxectivo, remarcou, é conseguir "a violencia cero contra as mulleres".


Segundo precisou o BNG nun comunicado, apostou por "poñer todos os mecanismos nos xulgados para que unha non senta desamparada cando denuncia". Por iso, defendeu a necesidade de "xulgados específicos" para que a vítima "non estea a esperar co agresor".


Así mesmo, na loita contra o "terrorismo machista", considera que é "clave" elaborar o estatuto de vítima de feminicidio, así como poñer en marcha "unha política activa que facilite a inserción laboral e maximizar todas as medidas de protección e amparo ás mulleres afectadas por esta secuela".


Nesta liña, apostou por "dignificar o traballo non remunerado que fan as mulleres", cuantificando a súa contribución á economía, por "custo cero" das cotas da Seguridade Social para as traballadoras autónomas durante a maternidade, por "ampliar" os permisos de paternidade e facelos "obrigatorios" e por "revisar os horarios comerciais".


Pero ademais, asegurou que "a desigualdade tamén está en caciques que, desde as institucións, seguen pensando que teñen dereito de pernada" en Galicia. "E seguen á fronte de institucións, como o señor Baltar, que é unha vergoña para un país democrático e con igualdade", lamentou, responsabilizando ao candidato popular á reelección, Alberto Núñez Feijóo.



POWERED BY BIGPRESS