Coma na data de desaparición da moza, a Pobra do Caramiñal volve estar en festa. As investigacións agora non están centradas coma ao comezo na propia vila senón en Rianxo, onde se lle perde o rastro a Diana segundo as informacións extraídas polos investigadores grazas ao GPS do teléfono da moza.
Concretamente, e segundo desvela a CRTVG, o Porto de Taragoña sería o último lugar rexistrado polo teléfono de Diana Quer o día da súa desaparición. As investigación céntranse agora no percorrido realizado pola moza en coche entre as tres menos cuarto e as catro da mañá.
Ademais, os investigadores tentan relacionar as transmisións dos teléfonos móbiles coas matrículas dos coches que circulaban no momento da desaparición da moza pola autovía, e que quedaron rexistradas nas cámaras de vixilancia.
Seguen abertas todas as hipóteses pola falta de pistas concluíntes. Segundo informa o mesmo medio, podería haber máis batidas neste punto de Rianxo onde o móbil de Diana deixa de emitir sinal. Ao mesmo tempo tamén é posible que a Garda Civil volva chamar a declarar ás testemuñas para ir atando cabos.
A nai de Diana Quer comparecía este venres no Xulgado de Ribeira en calidade de investigada despois de que lle retiraran o coidado da filla menor. Onte declaraba aos medios que segue coa esperanza de atopar con vida á filla maior e recuperar a custodia da menor, para así “poder abrazar a ambas”.