A Asociación de Pacientes do CHUS, a Unión Galega de Epilepsia e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela informan que tiveron "coñecemento" do que definen como "criterios discriminatorios" do Servizo de Neuroloxía do CHUS, ao negarlle unha proba a un paciente con epilepsia por carecer de acompañante 24 horas de unha a dúas semanas.


A asociación recibiu a denuncia pública que fixo José Luis Vázquez Rodríguez, paciente que actualmente espera que lle realicen a proba e cuxo testemuño deixa patente nunha misiva na que relata a súa situación.


Nesta carta conta que padece unha lesión cerebral con epilepsia refractaria postraumática que lle provoca episodios de crises epilépticas periódicas de frecuencia variable en calquera momento polo que a enfermidade ten un carácter fortemente incapacitante para a actividade laboral e a vida cotiá, ao cal se suma o feito de que "non responde" a medicamentos antiepilépticos", pola natureza da lesión, explica.


No mes de xaneiro, e co fin de "valorar se o caso era operable" dirixiuse á consulta de neuroloxía do Hospital da Costa de Burela, onde fixo unha solicitude para a realización dunha proba de vídeo EEG na Unidade de epilepsia do CHUS, polo cal, como el mesmo relata, queda en lista de espera "con prioridade 1". Tivo que "agardar ata o 30 de maio (94 días)" para recibir unha comunicación a respecto desta proba na que o centro lle comunica que "deberá dispor dun acompañante as 24 horas do día e durante todo o tempo que dure a proba", dunha a dúas semanas, situación que José Luis Vázquez non pode asumir "por circunstancias económicas, familiares e persoais" que "llo impiden", e motivo polo cal a proba lle foi denegada ao tratarse de "requisito imprescindible" a presenza do acompañante.


O paciente presentou unha reclamación, indica, acompañada de documentación acreditativa da súa "situación", a cal foi contestada pola Xefa da Unidade de Xestión no mes de xuño indicando outra vez que o acompañante é requisito 'sine qua non'. Ante esta situación José Luis acudiu á Valedora do Pobo e o Comité de Ética Asistencial que emitiron un informe no que "recomendan que deixe de ser un requisito imprescindible contar con acompañante para a proba", mais a día de hoxe a realización da dita proba segue sen data.


A Asociación de Pacientes do CHUS considera que os criterios do Servizo de Neuroloxía constitúen "unha vulneración do dereito á atención sanitaria" recollido no ordenamento xurídico e "constitúe unha práctica discriminatoria non admitida pola lexislación sanitaria e a Constitución", ao "vulnerar o dereito á asistencia sen discriminación ningunha por calquera condición ou circunstancia persoal ou social", advirten. 



POWERED BY BIGPRESS