A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) levará este venres unha cisterna con auga limpa ao municipio ourensán de Entrimo tras afectar a subministración a cinza de incendios arrastrada polas choivas.

Segundo explicou o 112 Galicia, do mesmo xeito que nas Neves, na provincia de Pontevedra, as choivas dos últimos días arrastraron cinza dos montes queimados "e alteraron a composición da auga". Por iso, as autoridades locais procederon a pechar a captación.

En Entrimo son dous os núcleos de poboación os que acusan maior falta de subministración, Olellas e Terrachá, segundo indicou o 112 Galicia. Ata alí despraza unha cisterna da Axega con auga limpa que, en todo caso, deberán tratar para poder, finalmente, abastecer a poboación.

O pasado 6 de setembro comezou un incendio forestal na parroquia da Illa, en Entrimo, que quedou extinguido o martes 13, tras unha semana na que arrasou 2.999,5 hectáreas, das que 1.300 eran arborizadas.

POWERED BY BIGPRESS