As policías Local e Nacional manteñen aberta unha investigación para determinar as causas e circunstancias nas que se iniciou o incendio "con tres focos e provocado" rexistrado sobre as 20,30 horas deste domingo na área de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedraque obrigou a desaloxar a once pacientes e a prestar asistencia sanitaria a catro traballadores do centro.


Segundo manifestaron fontes consultadas, as primeiras análises feitas polos axentes da Policía Científica apuntan que o lume foi intencionado, pois tiña tres focos practicamente simultáneos en tres cuartos distintos.


En concreto, un dos focos do incendio localizouse no colchón dunha habitación, outro nun sofá situado na sala de visitas e o terceiro foco situouse nun cuarto de baño cunha cadeira de rodas como posible punto de inicio.


Só hai unha planta afectada, a á de Psiquiatría, que está illada na terceira planta. No piso superior atópase o salón de actos e a Escola de Enfermería e na planta inferior atópanse as consultas externas. Ningunha delas se víu afectada.


O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada Pontevedra e O Salnés (EOXI), José Manuel González, afirmou que "máis que incendio de lume foi de fume, que foi o que causou os danos".


ALARMA


José Manuel González informou que unha vez que se iniciaron as chamas saltou a alarma antiincendios do hospital e se puxeron en marcha os protocolos de seguridade, que funcionaron correctamente e "con moita rapidez", de modo que xa o persoal do propio centro procedeu a sufocar o lume e desaloxar aos pacientes ao mesmo tempo que se avisaba aos servizos de emerxencias.


O xerente explicou que durante a xornada deste luns "unha vez que comprobamos que os pacientes e profesionais están en perfecto estado", o traballo dedicouse a "avaliar os danos" que valorou como "relativamente importantes". "Imos tardar algún tempo en poñer en marcha esa unidade" de Psiquiatría, abundou. "Imos facer o máis rápido posible", prometeu José Manuel González.


Entre tanto, habilitarase unha á do hospital para atender aos pacientes psiquiátricos, segundo as condicións que determinen os responsables desta área clínica, que sopesan a posibilidade de trasladar a algúns deles a Vigo ou Santiago.


Sobre a autoría do incendio o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés limitouse a sinalar que "o feito real é que todos os pacientes, todos os profesionais estaban a cear nese momento e unicamente faltaba unha paciente que estaba na súa habitación ou noutra área".


POWERED BY BIGPRESS