EAPN vén de lanzar unha campaña na que reclama que a loita contra a pobreza sexa a protagonista da campaña electoral para o 25S. Baixo a etiqueta #PobrezaGalicia e o lema ‘Compromiso, Coordinación, Causas e Diálogo Civil contra a pobreza e para a inclusión social’, EAPN Galicia acaba de presentar unha web na que ademais de daren a coñecer os requisitos do Terceiro Sector Social de Galicia, ofrecen unha comparativa das propostas das diferentes opción de política e proporcionan información pública sobre a exclusión.
Mediante esta campaña e baixo a etiqueta #PobrezaGalicia, dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza reclama que as formacións políticas que concorren ás eleccións contemplen nos seus programas medidas firmes que o colectivo considera “perfectamente asumibles”.
“Resulta imprescindible que se aseguren compromisos firmes e resultados urxentes na mellora da calidade de vida das persoas, para os case 700.000 galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social (25,7%) e en especial para as 115.000 con carencias materiais severas (4,2%)”, afirmou o presidente de EAPN Galicia, Antonio Hernández, na presentación da campaña.
A campaña inclúe xuntanzas públicas coas formacións políticas, así como a divulgación dun decálogo no que se resumen as medidas que consideran urxente adoptar e a posta á disposición das votantes unha web específica na que poidan acceder aos contidos da campaña; ao decálogo; ás 50 demandas concretas que a rede reclama das formacións políticas; e máis aos datos da Comunidade no tocante á pobreza, desigualdade, emprego e exclusión social. Ademais de ofrecer unha visión global e comparativa das propostas que as formacións que concorren ás Eleccións contemplan nos seus programas electorais.
Entre estas medidas urxentes áchase a redución dun 50% das persoas en situación de privación material severa; igualdade de dereitos; apoio á infancia e a mocidade; estratexias de formación e inclusión laboral; emprego digno; erradicación do “curtopracismo” da acción política; inclusión activa e non asistencialista; transparencia; ou aprobación da Lei do Terceiro Sector Social.
Baixo o hashtag #pobrezagalicia animan aos cidadáns galegos a que compartan o que lle piden aos candidatos á Xunta o 25S.
MEDIDAS
Algún dos puntos que inclúen no seu decálogo son os seguintes:
- Un 50% menos de persoas en situación de Privación Material Severa e un 15% menos en situación ou rsico de pobreza ou exclusión
- “Dos papeis ás persoas” Implantación exhaustiva do RISGA, garantindoa como un dereito subxectivo e facilitando a súa tramitación
- Dereito a unha vivenda digna: erradicación do chabolismo e a infravivenda, fomento do aluguer social, prevención de desfiuzamentos e senfogarismo
- Eliminar o “limbo” da dependencia
- Plan urxente de accesibilidade universal en infraestruturas e edificios
- Non admitir diferencias entre “pobreza de aquí e de aló”, o 0,2% dos orzamentos adicados á loita contra a pobreza en países desfavorecidos
- Apoio á infancia e á mocidade: plan para familias monoparentais, cheque benvida ata os tres anos contra a pobreza, reforma da Garantía Xuvenil e Plan retorno para a mocidade emigrada
- Por un emprego digno: Estratexia de Formación e inclusión laboral. Aumento 10 puntos a taxa de actividade e reducción do 10% do desemprego.
- Erradicar o curtopracismo da acción política
- “Somos persoas, non expedientes” Aplicar un enfoque inclusivo, non asistencialista. Cumprimento da Lei de Servizos Sociais.
- Asegurar coordinación e corresposabilidade política e técnica entre administración e ONG
- Erradicar o lucro na loita contra a pobreza e a exclusión
- Fomentar a transparencia e a Rendición de Contas