O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou hoxe en Lugo por “organizar, definir e apoiar proxectos lácteos coa participación das cooperativas, dos propios gandeiros, para reforzar grupos sólidos de base galega”.
“Estamos a favor de que as grandes empresas dos sector invistan en Galicia (en alusión ó acordo anunciado polo goberno galego con Goodleit) pero necesitamos reforzar os grupos que teñen contacto directo cos produtores, porque é a garantía de que os seus intereses serán apoiados”, afirmou Leicega tras visitar a Aula de Productos Lácteos de Lugo xunto co seu director, Enrique Arbones, o presidente da Deputación, Darío Campos, e os candidatos do PSdeG na provincia.
O candidato socialista comprometeuse a convocar, “desde a presidencia da Xunta, aos principais axentes de compra de leite en Galicia e non deixar que se levanten ata que garanticen un trato digno aos produtores, se eu fose presidente xa tería convocada esta reunión”, poñendo como exemplo o acordo de prezos ao que chegaron o goberno francés e Lactalis.
Leiceaga indiciu en que “hai que traballar en varias direccións para aumentar a competitividade do sector, con políticas como o banco de terras e definindo a concentración parcelaria, fomentando tamén o arrendamento das terras agrarias para reducir os custo de produción”, explicou.
“Ligaremos as axudas e subvencións desde a Xunta a unha garantía de recollida do leite e a un bo tratamento ao sector”, engadiu Leiceaga, que demandou “un maior control das medidas do paquete lácteo” e censurou “os anuncios para o sector en periodo electoral que chegan estes días; Feijóo faise fotos en campaña pero detrás non hai nada”.
FEIJÓO DEFÉNDESE
Fronte a quen ve electoralista anunciar agora o proxecto, Feijóo replicou que o investimento está agora "confirmado pola empresa e polo feito de que adquiriron unha parcela de 80.000 metros cadrados en Teixeiro, en Curtis".
"Parecíanos que antes de que adquirisen a parcela non debía facerse o anuncio; unha vez que está adxudicada polo Sepes e que é público que a compran, correspóndelle á empresa o anuncio", remarcou, antes de reafirmarse en que supoñerá "un asalto cualitativo" para o sector, "unha decisión estratéxica a saudar e que haberá que monitorar nos próximos meses".