Os traballadores da empresa Tecnocom, encargada do mantemento do soporte técnico informático do Servizo Galego de Saúde (Sergas), realizan este xoves a súa primeira xornada de folga para solicitar a recuperación das condicións laborais previas á "modificación unilateral" das mesmas.
A súa previsión é manter esta situación os días 2 e 5 deste mesmo mes nos centros de saúde e que as dos días 10 e 11 afectarán aos hospitais. Estes profesionais, segundo explicou a CIG en días pasados, desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana e cun salario de entre 700 e 800 euros, polo que reclaman unha negociación para estudar, entre outras cuestións, compensacións por traballar en días festivos.
Así mesmo, tal e como sinalou a CIG, requiren un abono polos "danos e prexuízos" ocasionados pola citada modificación das súas condicións laborais, ademais dunha compensación por vía económica ou en días libres polos festivos traballados, e aínda maior no caso dos "festivos especiais" (24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro).
Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas na sanidade pública galega. Durante a semana mantén, en concreto, o dos centros de saúde e é outra empresa a que se encarga do mantemento dos soportes informáticos dos hospitais. Porén, durante as fins de semana o mantemento do dos hospitais pasa a Tecnocom.
A convocatoria de folga conta ademais co apoio dos comités de varias empresas TIC de Compostela como Bahía Software, Dinahosting, Contact Nova e a sección sindical da CIG de Coremain. A CIG-Saúde tamén manifestou a súa solidariedade cos traballadores e xa instou ao Sergas a presionar a Tecnocom para que sente a dialogar co seu persoal evitando así as posíbeis consecuencias tanto para usuarios/as como para as/os profesionais do sistema de saúde, que empregan as aplicacións informáticas que mantén esta empresa como o FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom.