Mariano Rajoy no debate de investidura


Soa a vendetta esta primeira investidura á que se someteu, moi a pesar seu, Mariano Rajoy. Nada novo baixo o sol deste agosto madrileño. O resultado final: dentro de 48 horas, a segunda parte deste sainete imposible. Logo, eleccións galegas e vascas e, tras elas, suponse que os pactos contra natura e a posibilidade de que uns e outros cambien de guión e nos entreguen un goberno débil e efémero.

E, en tan lamentable estado, daranse os primeiros pasos dunha lexislatura que pasará á historia polo hastío que produciu entre os votantes de todas as formacións políticas que dubidan sobre a súa asistencia ante uns terceiros comicios. E xa se sabe que a abstención tamén provoca maiorías absolutas. Ou sexa, que atentos a esa posibilidade.

Respecto das intervencións das súas señorías os líderes, pouco hai que dicir. A min resultoume divertida a resposta de Rajoy a Pablo Iglesias, todo un malgaste de ironía galega, que, desa, o presidente do Goberno ten o seu saco dialéctico cheo. O de Podemos púxollo a huevo e Don Mariano non desaproveitou a ocasión. Outro que non aprende é Tardà, quen, enardecido polos seus máis fieis, deixoulle fácil aos populares o seu argumentario de que a unidade de Epaña corre un serio perigo e que, por tanto, o PSOE ha de darlles os seus votos pola cara, porque "esta vez si" vén o lobo feroz. Na vida parlamentaria o portavoz de Esquerra debera saber, a esta altura da película, que a intelixencia política é unha virtude fundamental.

Sánchez fixo de Sánchez, saboreando a súa inútil vinganza ante un Rajoy que esperaba o que lle dixo e, aínda máis, sabendo de antemán que o ballón que caía encima era dos de verán e que xa escampará porque, se non o fai, a inundación consecuente pode levar por diante o casarío socialista.

Finalmente, o xefe de filas de Ciudadanos, Albert Rivera, levou a palma de ouro de estadista do mes invocando a Adolfo Suárez e a Felipe González. Mágoa que non teña nin a metade do carisma de ambos, porque, agora mesmo, case todos votariamos a súa actual moderación aínda que só fose por acabar con este suplicio de provisionalidade.

Finalmente deume pena Quim Homs. Co que foi no Parlamento de Madrid o grupo de Convergència cando o dirixía Duran i Lleida! Ver agora pelexarse por catro miserables minutos aos netos de Pujol impresiona, e no meu caso, que son un romántico incorrixible, prodúceme desazón e mal de corpo. O tempo é moi cruel cos que un día foron e agora case non son.

Un debate máis e con el a primeira na fronte para o candidato Rajoy, ao que dentro de 48 horas os seus inimigos políticos tentarán envialo de novo á Zarzuela para ver ao Rey, que despois de escoitar os de Esquerra debe de ter unha moi seria preocupación polo seu futuro e polo da Monarquía constitucional. Ánimo, Maxestade! Que isto arránxano os que vostede xa sabe.

POWERED BY BIGPRESS