As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT veñen de convocar unha manifestación dos traballadores do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais para o día 1 de Setembro contra o que califican coma un “desmantelamento paulatino do servizo a través de políticas de disgregación dunha parte do dispositivo e a privatización doutra”.
Denuncian a “fragmentación” do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais a través dun entramado de empresas que “perxudica gravemente a eficiencia” dun servizo público “de contrastada eficacia” a favor de “intereses económicos e electoralistas”.
PRECARIZACIÓN
As OOSS denuncian asimesmo a precarización das condicións de traballo dos servizos de extinción que carecen de medios, segundo afirman, tanto “materiais coma humanos” e sofren unha “inestabilidade laboral e profesional” que ademais de pór en “grave risco” a capacidade do servizo, supón unha “neglixencia”.
DEREITOS LEGAIS
Piden tamén que o goberno rectifique na súa “teima” de manter aos bombeiros forestais “de forma ilegal” como “peóns forestais e de caza”, e reclaman que se recoñezan enfermedades profesionais propias do gremio polo traballo desempeñado, así como os debidos dereitos legais e a redución da idade de xubilación.
A manifestación está convocada para o día 1 de Setembro na Praza do Obradoiro ás 11:00 horas.