Baltar Blanco, presidente da Deputación de Ourense.


O PSOE ourensán preguntou á dirección estatal de Ciudadanos se o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, se verá afectado pola condición que impón o partido laranxa para apoiar a investidura de Mariano Rajoy de que o PP expulse aos seus cargos imputados por corrupción.



A través dun comunicado, o portavoz socialista no ente provincial ourensán, Ignacio Gómez, anunciou que enviarán "un dossier aos dirixentes de Ciudadanos" con información sobre os procesos aos que se enfronta Baltar Blanco, quen, com lembrou, está "a ser investigado por suborno e tráfico de influencias".


Así, Gómez cualificou de "fraude á cidadanía" que "os supostos adaíles da rexeneración democrática" non aclaren se "van aplicar as súas propias condicións para favorecer a investidura de Rajoy", entre as que inclúen a expulsión de cargos públicos que estean a ser investigados por corrupción.


Así mesmo, criticou que algunhas voces do partido afirmen que esta condición non se aplicará a "cargos locais e autonómicos", polo que lembrou que a "rexeneración democrática debe incluír todos os niveis de administración".


Os socialistas ourensáns avisaron a C's que "aínda non coñecen o alcance e a gravidade" dos supostos delitos de Baltar, quen está sendo investigado por un presunto "ofrecemento de traballo a cambio de favores sexuais".


Así as cousas, engadiu que a Deputación de Ourense é un exemplo dos "niveis de enchufismo, caciquismo e actitudes antidemocráticas" que o partido dirixido por Albert Rivera "recoñece que afecta ao PP".

POWERED BY BIGPRESS