O Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia aprobou este mediodía as candidaturas para ás eleccións galegas do vindeiro 25 de setembro. O secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, que aspira á presidencia da Xunta de Galicia, destacou que as listaxes están conformadas por “homes e mulleres, xente moza e non tan moza, que procedemos de aldeas e cidades de Galicia que, con certeza, contribuiremos a pór sentido común ao cambio que se aveciña”.


Bascuas expresou o seu optimismo en referencia ós vindeiros comicios para que traían “un cambio en chave de país, positivo e comprometido” e deixou claro que “Compromiso é unha forza de xentes do pobo e que nada adebeda a ninguén máis que ao pobo que nos levará ao Parlamento para traballar por el”.


CIDADÁNS-CENTRUM


O enxeñeiro agrícola Jorge Álvarez Castrillón será o candidato á Presidencia da Xunta de Cidadáns-Centrum, tras a reunión do comité electoral da coalición celebrada este venres na que se pecharon as listas pola Coruña e Pontevedra.


Segundo informou a través dun comunicado Cidadáns-Centrum --alianza creada por Cidadáns de Galicia e Vía Centrum Partido Demócrata--, Jorge Álvarez encabezará a candidatura pola Coruña, seguido por Martín Girondo e José Luis Méndez Otero, presidente de Vía Centrum e excandidato á alcaldía de Ferrol por UPyD.


En canto á lista de Pontevedra, o número uno é para o presidente de Cidadáns de Galicia, José Antonio Bibián. Lucía Maneiro, Manuel Igrexas, María José Galego e Javier Nemesio completan o primeiros cinco postos da candidatura pola provincia pontevedresa.

POWERED BY BIGPRESS